Ir ao contido
Área privada
Postgrowth S.A.: Alimentación
Completada

Postgrowth S.A.: Alimentación

Consumo de alimentos e emisións nos fogares

Concello
Concello de Pontevedra
Período
07/2025 - 06/2026
Participantes
200
Postgrowth S.A.: Alimentación
Postgrowth S.A.: Alimentación
Postgrowth S.A.: Alimentación
Postgrowth S.A.: Alimentación

Como se alimentan os fogares de Pontevedra, que factores explican os seus hábitos e cantas emisións xera a súa dieta?

Postgrowth S.A.: Alimentación foi a terceira edición da serie, desenvolvida durante o curso 2025-2026 no IES Luís Seoane de Pontevedra. Buscou coñecer o patrón de consumo de alimentos dos fogares do municipio, os factores sociais e materiais que o explican e as emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas, para comprobar se existen diferenzas entre as zonas urbanas, periurbanas e rurais. Coordinouna o Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, dentro do proxecto Plataforma ODS e co apoio do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, entre xullo de 2025 e xuño de 2026.

Esta edición introduciu un cambio de modelo importante. En lugar de que o equipo universitario entrase nas aulas, formou o profesorado do instituto mediante un curso acreditado de cinco sesións, e foi o propio profesorado quen dirixiu a investigación co seu alumnado. Participaron unhas 200 estudantes de catorce grupos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, e 19 docentes. Entre decembro de 2025 e febreiro de 2026 o alumnado saíu a enquisar os fogares da cidade sobre que compran, canto e onde, e recolleu 587 enquisas, das que 503 resultaron válidas.

Coas respostas, o equipo estimou as emisións da alimentación no fogar mediante a metodoloxía ARCA, desenvolvida polas universidades de Vigo e A Coruña. A carne, o peixe e marisco e os lácteos e ovos concentran máis da metade das emisións estimadas. Os resultados chegaron ao Comité Cidadán polo Clima e deron forma a tres dos catro retos do I Foro de Desenvolvemento Local, celebrado o 28 de abril de 2026, e en xullo o Comité entregou ao Concello doce recomendacións sobre alimentación e cambio climático. A acción deixou ademais un curso de formación docente acreditado, con 19 profesores formados, e unha metodoloxía reutilizable para futuras edicións.

Nodos da rede participantes
Sobre a acción

Plataforma ODS

A acción enmárcase dentro do proxecto Plataforma ODS, financiado pola Dirección General de Agenda 2030 para a realización de actividades relacionadas coa promoción e implementación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible en España. O proxecto desenvolve unha plataforma en liña para facer seguimento do avance dos ODS a nivel local en todos os municipios de España. Ademais, leva a cabo dúas accións piloto: un comité para o clima no municipio de Pontevedra e un proxecto de ciencia cidadá. Ambas as accións piloto conflúen nun Foro Local co obxectivo de transferir coñecemento científico á política local. O proxecto pretende sentar as bases para a involucración da cidadanía no avance do cumprimento dos ODS.

Entidades coordinadoras
Universidade de Vigo
Financiamento
Dirección General de Agenda 2030 | Ministerio de Derechos Sociales, Consumo y Agenda 2030
Volver ás accións